Saturday 18 de May de 2024

A Xunta formou a preto de 800 traballadores en prevención de riscos laborais en 2015


O obxectivo da oferta formativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) é dotar ao empresariado galego da cualificación necesaria para xestionar a prevención nos seus centros de traballo

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) formou ao longo de 2015 a preto de 800 traballadores e traballadoras en prevención de riscos laborais no nivel básico. En total desenvolvéronse en toda Galicia un total de 16 accións formativas tanto na modalidade presencial como en liña. As accións, de 35 a 60 horas de duración, teñen por obxectivo dotar ao empresariado galego da cualificación necesaria para xestionar a prevención nos seus centros de traballo.

Na modalidade presencial tiveron lugar 12 cursos aos que asistiron preto de 400 persoas e on line realizáronse catro edicións nas que participaron outras 400 persoas, sendo unha das accións específica para actividades de tempo libre.

A formación que imparte a Xunta dota aos traballadores e traballadoras da capacidade necesaria para fomentar a protección no traballo e a correcta utilización dos equipos de traballo; realizar avaliacións elementais de riscos e establecer medidas preventivas axeitadas ao grao de formación dos traballadores; colaborar na avaliación e control dos riscos xerais e específicos da empresa, efectuando visitas, atención a queixas e suxestións ou rexistro de datos; e actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios xestionando as primeiras intervencións e, de ser o caso, cooperar cos servizos de prevención.

A Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga de proporcionar aos traballadores e traballadoras a formacións suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo. Así mesmo, a normativa encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, á mellora progresiva das condicións laborais.

Así, a oferta formativa do ISSGA contén cursos de calidade nesta materia dando, desta forma, cumprimento aos plans estratéxicos de prevención de riscos laborais de Galicia.

A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral constitúe unha das actuacións destacadas nos Plans anuais de actividades do ISSGA. O Instituto, ademais, desenvolve outras campañas e actividades que pretenden inculcar xa desde a infancia a importancia da prevención, así como plans de asesoramento técnico de carácter sectorial a empresas e tarefas de investigación de accidentes, entre outras accións.